lunes, 1 de junio de 2009

O secretario de Organización do PSdeG-PSOE, Pablo García, asegurou que o primeiro mes e medio de mandato popular foi un tempo de incumprimentos

O secretario de Organización do PSdeG-PSOE, Pablo García, asegurou que o primeiro mes e medio de mandato popular foi un tempo de “incumprimentos, mentiras, crispación e confrontación”

“Transcorridos apenas 45 días na Xunta, o PP xa ten enriba da mesa escuras sombras sobre cargos relevantes do goberno”


Santiago de Compostela, 30 de maio de 2009.- O secretario de Organización do PSdeG-PSOE, Pablo García, fixo hoxe balance dos primeiros días de goberno do PPdeG na Xunta de Galicia. Cualificou o primeiro mes e medio de mandato popular como un tempo de “incumprimentos, mentiras, crispación e confrontación” e asegurou que nel os cidadáns galegos está a ver “a verdadeira cara do PPdeG”.

Explicou que, transcorridos apenas 45 días na Xunta, o PP xa ten enriba da mesa “escuras sombras sobre cargos relevantes do goberno”. Sombras que, dixo, poñen en dúbida a “ética e honestidade da que querían facer gala durante a campaña electoral” e que recordou que “xa se puxo en dúbida cando o señor Carrera tivo que ser apartado da candidatura popular”.

Referiuse a querela que o PSdeG-PSOE presentou contra o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, por certificar obras non realizadas na Deputación de Pontevedra, “algo que tamén é un tema menor para o partido popular” e que todos os cidadáns galegos, ironizou, “entenden como algo normal”.

Continuou falando sobre as “sospeitas fundadas que pesan sobre don Alfonso Rueda de Valenzuela” en relación coa “controvertida reserva da súa praza de secretario no concello de Cambados”. Un círculo, o de Cambados, reiterou, ao que tamén se acaba de unir o señor Norberto Uzal Tresandi “un recoñecido falanxista que concorreu ás eleccións europeas do 94 na lista da Falange”.

E asegurou que “alguén está mentindo” con respecto ao tema do conselleiro de Presidencia, “se hai contrato, onde está o contrato e se non hai contrato, qué certificación se lle pediu ao señor Rueda para gardarlle a praza, preguntas que indican que temos moitas sombras nese proceso”.

O secretario de Organización dos socialistas galegos lembrou que tamén o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, foi denunciado por presuntas irregularidades entorno a utilización de fondos públicos europeos no concello de Arnoia. E indicou que tamén se une, “polo que coñecemos hoxe”, José Enrique Novoa xa que, parece ser que na provincia de Ourense, “tódolos familiares cercanos de cargos con responsabilidade no partido popular, houbo unha época na que se quixeron dedicar á hostelería e ao turismo rural, e recibiron axudas cuantiosas dos fondos europeos”.

Pablo García aseverou que Núñez Feijóo converteu aquel contrato que asinou cos cidadáns cando acadou o goberno da Xunta “en papel mollado” e o cualificou como “un fraude de contrato”. Polo tanto, considerou que “o señor Feijóo non é de fiar e está a fallar a ese contrato e a Galicia, faltando á súa palabra”.

Comentou que nese contrato falábase de austeridade e pediu a Núñez Feijóo que explique canto se incrementou o custo en parque móbil “polo seu capricho de non usar os Audis que si utilizaba cando era conselleiro”. Tamén suxeriu ao presidente da Xunta que responda por qué dixo nese contrato que aforraría máis de 120 millóns, “unha cifra que nestes momentos xa rebaixou a 8 millóns”. E apuntou que cando estea creada a nova estrutura territorial da Xunta “xa veremos canto supón de aforro para os galegos e as galegas”.

Analizou as verbas de Núñez Feijóo cando falaba de “rexeneración democrática e de gobernar para todos” e contrapúxoo co que considerou “un goberno de crispación e confrontación”, para o que puxo como exemplo o nomeamento do novo director da CRTVG e o galego. Asegurou que Feijóo “utilizou a lingua galega durante a campaña e agora está a convertela nun elemento de conflito, cando nunca fora un problema para os galegos e as galegas”.

Pablo García comentou tamén a cláusula do contrato asinado por Feijóo na que falaba da loita contra a crise. Falou das súas actuacións no sector lácteo, no que dixo “vendeu como gran salvación” o adianto das axudas europeas e, despois de tres semanas “non temos nada concretado porque a medida depende de que as entidades financeiras lle dean o aval e, aínda así, sería un adianto técnico de dous meses de cartos que xa son dos gandeiros”.

Aconsellou ao conselleiro que “se non sabe que medidas tomar, nós xa lle presentamos o exemplo de Asturias, onde se puxeron enriba da mesa axudas directas ás explotacións que poden chegar ata 7.500 euros dos propios orzamentos autonómicos”. Requeriulle unha explicación sobre qué tipo de encontro mantivo o goberno con Pascual “porque a conclusión foi o peche do centro de Lugo”.

O secretario de Organización do PSdeG concluíu que o goberno presidido por Núñez Feijóo “non está a gobernar, está a facer oposición e practica o escapismo político, a confrontación co goberno do estado, a irresponsabilidade, a crispación e a mentira”. E por iso, “vai ter que pagar as consecuencias, porque os galegos xa se deron conta de que é un mal goberno que está a volver a esa época escura e a eses 16 anos perdidos de goberno de Fraga Iribarne”.

No hay comentarios: