sábado, 7 de marzo de 2009

Día internacional da muller traballadora, UGT demandará do novo Goberno que se siga traballando nas medidas do diálogo social en materia de igualdade

Na actual conxuntura ampliar a protección social tamén deberá ser outra prioridade
De cara a este 8 de marzo, Día internacional da muller traballadora, UGT demandará do novo Goberno que se siga traballando nas medidas do diálogo social en materia de igualdade

Santiago, 7 de marzo de 2009. Mañá conmemorarase en todo o mundo o Día internacional da muller traballadora que UGT está a celebrar en Galicia con diversos actos que xa comezaron o día 5 en Santiago e que se prorrogarán ata o día 13. A historia máis estendida sobre a conmemoración do 8 de marzo fai referencia aos feitos que sucederon nesa data do ano 1908, cando morreron calcinadas 146 mulleres traballadoras da fábrica téxtil Cotton de Nova York nun incendio provocado polas bombas incendiarias que lles lanzaron ante a negativa de abandonar o encerro no que protestaban polos baixos salarios e as infames condicións de traballo que padecían.
Concretamente, o Sindicato vai demandar nesta data do novo Goberno galego que siga traballando no desenvolvemento e posta en práctica das medidas que, froito do diálogo social, se instauraron en materia de igualdade e que xa comezaron a dar os seus froitos, aínda que UGT é consciente de que o camiño é moi longo e aínda queda moito por andar. Sería inxustificable por parte do novo Executivo darlle as costas a todo o traballo que ata o momento se estivo a realizar en materia de igualdade con froitos que marcaron un fito histórico como a Lei de traballo en igualdade das mulleres galegas.

Ademais, na actual conxuntura, marcada por unha situación de crise económica, dende UGT-Galicia tamén se demanda a ampliación das medidas de protección social para garantir que todos aqueles que queden en situación de desemprego poidan acceder a esta cobertura. Neste senso, UGT fai especial fincapé na necesidade de atención ás familias monoparentais.

Xa entrando na análise das principais variables do mercado laboral ao longo do ano 2008, constátanse os efectos da crise nos niveis de emprego e desemprego. Se ben é certo que o colectivo masculino foi o máis prexudicado pola crise, tamén o é que as desigualdades persisten entre homes e mulleres, como unha importante brecha salarial, maiores taxas de paro e precariedade para as mulleres e menores índices de ocupación.

De cara a este 8 de marzo, Día internacional da muller traballadora, UGT presenta un informe sobre a situación sociolaboral da muller en Galicia no que se poñen de relevancia as importantes diferenzas salariais que existen entre os homes e mulleres en Galicia.

A chamada brecha salarial entre homes e mulleres non é un fenómeno só desta comunidade, xa que no conxunto da UE a remuneración bruta por hora das mulleres é un 15 por cento inferior á dos homes.

As traballadoras galegas cobran anualmente case 4.800 euros menos que os homes, o salario medio anual feminino, 14.243,82 euros, supón o 74.9 por cento do masculino, 19.021,50 euros, no total dos sectores, segundo os últimos datos da Enquisa de Estrutura Salarial publicada en novembro de 2008 polo INE e referidos a 2006.
Por sectores de actividade, o industrial é no que as diferenzas son máis fortes, as mulleres na industria cobran tan só o 66,5 por cento do que perciben os homes.
Segundo o tipo de contrato, as diferenzas salariais acentúanse no caso dos indefinidos, onde os salarios das mulleres tan só representan o 72.8 por cento do dos homes. Brecha que se atenúa no caso dos de duración determinada, xa que esta porcentaxe é do 81.1% por cento.

O EMPREGO CREADO NO 2008 FOI TOTALMENTE FEMININO
Segundo os datos da EPA, no 2008 o emprego creado foi na súa totalidade feminino e incluso compensou a caída do masculino. Creáronse 6.700 empregos, atoparon traballo 12.400 mulleres e perderon o seu emprego 5.600 homes. Aínda que esta positiva evolución no caso feminino hai que tomala con cautela porque o 100 por cento procede da inactividade en vez de nutrirse do desemprego, que incluso medra. Isto indica que o funcionamento do mercado laboral galego segue a amosar moitas eivas.
Tamén é bastante negativo que de cada cen mulleres que en Galicia están en idade de traballar tan só 47.2 estean dentro do mercado laboral, xa sexa como ocupadas ou paradas. Do total das persoas que traballaban en Galicia a 2008 pechado, 1.200.100, o 44 por cento eran mulleres.

Outra das cifras significativas do mercado laboral é a taxa de ocupación, que no caso das mulleres galegas é de 43.9 por cento, 16.7 puntos por debaixo da dos homes.
Todo isto evidencia que, aínda que se pode constatar un avance na incorporación da muller ao mercado laboral, Galicia está lonxe dos obxectivos marcados pola UE, polo que o esforzo en políticas de emprego dirixidas ás mulleres ten que ocupar un papel predominante.

AS MULLERES GALEGAS OCÚPANSE MAIORITARIAMENTE NO SECTOR SERVIZOS
Por sectores, as mulleres galegas seguen a ocuparse maioritariamente no Servizos, que representa o 79.1 por cento da ocupación total. O segundo sector é o industrial, cunha porcentaxe do 11.9 por cento.

Por ramas de actividade, hai dúas ramas de actividade económica nas que as mulleres superan numericamente aos homes: “Administración Pública e defensa, Seguridade social obrigatoria; educación; actividades sanitarias e de servizos sociais” e “Activ. artísticas, recreativas e de entretemento; fogares como empregadores domésticos e como produtores de bens e servizos para uso propio; actividades de organizacións e organismos extraterritoriais; outros servizos”.

A segregación ocupacional feminina é maior que a masculina, xa que no caso das mulleres esta concéntrase nun 55 por cento en dúas ramas de actividade, “Comercio ao por maior e polo miúdo, reparación de vehículos de motor e motocicletas; transporte e almacenamento; hostalería” e en “Administración Pública e defensa, Seguridade social obrigatoria; educación; actividades sanitarias e de servizos sociais”.
A segregación tamén se rexistra por categorías. As mulleres galegas concéntranse no grupo de “Traballadores de servizos de restauración, persoais, protección e vendedores dos comercios”, de feito, preto de 1 de cada 4 empregos ocupados por mulleres corresponde a esta ocupación. Outra ocupación na que é maioritario o emprego feminino e as mulleres “Técnicos e profesionais científicos e intelectuais” hai unha maior prevaleza nas mulleres que nos homes, xa que se corresponden con sectores como a sanidade e a educación nos que hai unha maior presenza feminina, pola contra tamén a muller predomina na de “Traballadores non cualificados”.
Seguindo coa análise dos principais indicadores que marcan un mercado laboral, está a taxa de desemprego, que no 2008 entre as mulleres foi do 10.4 por cento, 3 puntos superior á masculina. No caso das mulleres máis mozas, menores de 35 anos, esta elévase ata o 13.7 por cento.

A TAXA DE TEMPORALIDADE ENTRE AS TRABALLADORAS GALEGAS É DO 33 POR CENTO
A temporalidade tamén é superior no caso das mulleres, do 33 por cento, fronte ao 28.7 por cento da masculina.

En materia de conciliación da vida laboral e familiar, en Galicia a duración media diaria de tempo dedicado ao fogar e familia é nas mulleres galegas é case o dobre que no caso dos homes. Ademais, as mulleres son as coidadoras das persoas dependentes na nosa comunidade, nada menos que 3 de cada 4 persoas coidadoras son mulleres.

Xa para rematar coa radiografía numérica e estatística, hai que facer mención á contratación rexistrada, que foi indefinida no 11.97 por cento dos casos entre os homes e do 10.14 por cento entre as mulleres.

Non podemos esquecer que esta análise está realizada en base a medias anuais, se temos en conta a evolución das variables do mercado laboral ao longo do ano 2008, vese como a taxa de desemprego estimado pola EPA amosou un continuado crecemento, do 9.55% no primeiro trimestre ao 10.92% no último, ou ben comprobase como os niveis de paro rexistrado nas oficinas de emprego tiveron un forte crecemento, pasando das 99.872 desempregadas en xaneiro de 2008 a 105.937 en decembro, a realidade laboral do mercado feminino no ano 2008 antes detallada está mitigada pola utilización de medias anuais.

No hay comentarios: