sábado, 7 de marzo de 2009

“Traballando o presente, asentando o futuro” Día da Muller: Manifesto do PSdeG-PSOE

Un ano máis celebramos a conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller e, como cada ano, debemos seguir o inxente labor desenvolvido por miles e millóns de mulleres que contribuíron co seu traballo, esforzo e en moitos casos as súas vidas, á defensa do feminismo, da Igualdade e dos dereitos das mulleres.

Grazas a este gran esforzo colectivo das mulleres do pasado e do presente, conseguíronse grandes avances, pero debemos ser conscientes de que aínda queda un longo camiño por percorrer. Aínda que nos dotamos de instrumentos lexislativos fundamentais, a actual situación de crise económica, que prexudica tanto a homes como a mulleres, fai que os nosos esforzos deban ir unidos para, xuntas e xuntos, ombro con ombro, conseguir superar este delicado momento e lograr a cohesión e a xustiza social, para o ben do noso país e de toda a sociedade.

Xa que logo, debemos estar máis vixiantes, aínda se cabe, non só para non dar pasos para atrás nos dereitos adquiridos, senón para asentar os fundamentos dun novo e necesario modelo económico e social máis equitativo e máis igualitario: A transformación imprescindible que o noso país ten que incorporar necesariamente á experiencia, coñecementos e valores das mulleres: Non podemos permitirnos perder ese enorme potencial.

A actual situación de crise económica puxo en evidencia a insuficiencia dun sistema no que, ademais doutros problemas, tamén existen importantes brechas de xénero. É o momento de asentar un novo modelo económico e social centrado nas persoas e no seu benestar. Un novo modelo que parta do concepto de desenvolvemento sostible, da igualdade real e efectiva e da plena incorporación de homes e mulleres como elemento clave de produtividade e eficiencia ao favorecer a utilización da capacidade, o talento e a formación de toda a poboación. Unha sociedade moderna que se define como democrática non pode prescindir nin da capacidade nin do talento nin da formación da metade da súa poboación, as mulleres.

Por todo iso, o PSdeG-PSOE proponse manter e continuar potenciando, como tarefa ineludible da nosa sociedade, as accións positivas para o acceso e mantemento das mulleres no mercado laboral, en igualdade de condicións no que fai a salario e calidade no emprego; a promoción de políticas para o fomento da igualdade no acceso aos postos de responsabilidade nas empresas e a posta en marcha de campañas informativas e de sensibilización sobre corresponsabilidade e conciliación da vida laboral e persoal.

Só traballando sen descanso poderemos adiantar o futuro, achegando a homes e a mulleres á igualdade real.

No hay comentarios: