miércoles, 4 de marzo de 2009

RETORNO Á CAVERNA AMBIENTAL: O PP VOLVE A PISCIFATORÍA DE CABO TOURIÑÁN E O VIADUTO DE NOIA

O PP recupera dous dos proxectos máis insustentábeis e agresivos co litoral

4 de marzo de 2009. Os recentes anuncios por parte de dirixentes do PP de “resucitar” a piscifatoría de Cabo Touriñán e o viaduto sobre a ría de Noia, rexeitados no seu momento debido ao seu alto impacto ambiental, supoñen dous graves atentados contra o patrimonio natural de TODA a cidadanía galega e unha lamentábel volta atrás no camiño da sustentabilidade. O Cabo Touriñán e o esteiro do Tambre son dous espazos protexidos da Rede Natura, unha Rede Natura aprobada durante a era Fraga e que ten a dubidosa honra de ser a máis cativa de todo o estado español, agás Melilla.

No seu momento e como é ben sabido, os ecoloxistas opuxéronse frontalmente tanto ao chamado “Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria” aprobado no último Consello da Xunta da era Fraga polo governo do PP en funcións, e que beneficiaba descaradamente a unha determinada multinacional pesqueira, como ao Plano Acuícola aprobado polo governo saínte, máis xeneroso con outra das empresas competidoras da anterior. Ambos planos non dubidaban en sacrificar preto de 3 millóns de metros cadrados de litoral virxe para maior gloria das contas de beneficios destas multinacionais, deixándonos a paisaxe desfeita e o mar contaminado, poñendo en perigo a pesca e o marisqueo tradicional e todo por unha cifra ridícula de empregos en precario (inchada a vontade por uns e outros) en comparación cos que xeraría un aproveitamento sustentábel e tradicional dos nosos resursos autóctonos (pesca, marisqueo, turismo, agricultura, etc). Agora o Sr. Negreira, presidente provincial do PP anuncia a inminente resurreción do proxecto de Touriñán, implorando a Pescanova que volva e rendibilice ese €uro por metro cadrado que lle custou mercar un LIC da nosa Rede Natura. De levarse a cabo o proxecto, será curioso ver como tanto o PP como Pescanova explican por que non se afasta a macropiscifatoría de Touriñán 500 metros terra adentro como aconteceu coa fatoría que Pescanova construiu en Mira (Portugal), despois de marchar de Cabo Touriñán. Que diferencia á Rede Natura portuguesa (dunas de Mira) da Rede Natura galega (cabo Touriñán)?

Polo que respeita ao viaduto sobre a ría de Noia, proxecto impulsado polo Sr. Núñez Feijoo cando estaba na COTOP e que agora quere tamén recuperar, nada mudou con respeito aos informes que a propia administración (o PP na época de López Veiga) e expertos ambientais consideraron determinantes para que logo se rexeitara a obra: afectará gravemente ao LIC Esteiro do Tambre, á paisaxe litoral da ría de Noia e provocará cambios de correntes que mudarán a composición e profundidade da enseada, poñendo en perigo os ricos bancos marisqueiros da ría. Ademáis, recuperar esta obra entra en contradicción co proxecto Costas para demoler a escolleira de Noia e devolver a configuración natural á ría. A tal escolleira, construida nos anos 70, provocou cambios na profundidade e desprazamentos de areas do entorno que perxudicaron aos bancos marisqueiros.

O Partido Popular debería reflexionar seriamente sobre estas dúas propostas: non se pode dicir no programa electoral que se quere “promover a sustentabilidade e a conservación dos espazos naturais” e logo cementar dúas zonas protexidas poñendo en perigo os recursos naturais, a pesca, o marisqueo e o turismo.

No hay comentarios: