lunes, 1 de junio de 2009

GALLEGO DENUNCIA O SOSPEITOSO CAMBIO DE AVOGADOS DE SOGAMA

Sinala que este cambio no equipo xurídico da sociedade coincide co xuízo pola procedencia ou non do despido de Ramón Pérez Mariño, ex xefe da área Técnica de Sogama e amigo de Agustín Hernández

Esixiu a Feijoo “que poña orde, comece a gobernar e retire das decisións políticas medio ambientais aos que tentan defender aos amigos e familias”

Tamén denunciou a paralización do concurso público para a adquisición do novo helicóptero de salvamento marítimo da Xunta


Santiago, 1 de xuño de 2009.- A Secretaria de Medio Ambiente e Medio Mariño do PSdeG, Carmen Gallego, denunciou hoxe ante os medios de comunicación o sospeitoso cambio de avogados de Sogama producido unha semana antes do xuízo no que se xulga a procedencia ou non procedencia do despido de Ramón Pérez Mariño, ex xefe da área técnica da sociedade e amigo dende hai moitos anos do actual conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández.

Gallego explicou que o xuízo terá lugar mañá martes 2 de xuño, ás 10.00 horas no Xulgado nº 4 do Social da Coruña. Ramón Pérez Mariño traballou dende 2001 ata xaneiro de 2009 como xefe da área técnica de Sogama e foi despedido por esta sociedade pola ocultación reiterada de información dende o ano 2003 sobre o vertedoiro de Areosa, suceso que se descubriu com motivo dos verquidos ao río Lengüelle.

Precisamente polos verquidos ao río Lengüelle abriuse unha investigación interna e un procedemento xudicial no xulgado nº 1 da Coruña polo que está imputado Ramón Pérez Mariño.

A Secretaria de Medio Ambiente e Medio Mariño sinalou na rolda de prensa que despois de adxudicar unha auditoría a medida de Sogama a un primo de Alfonso Rueda, “unha vez máis o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, adopta unha decisión que amosa as intencións do PP en canto a medidas medio ambientais, xa que co cambio de avogados en Sogama antepón ao interese xeral a defensa dos amigos e das familias”.

“Están poñendo en perigo o futuro de Sogama, pero os socialistas cremos na xustiza e esperamos que mañá saia todo á luz, e se resolva favorablemente aos intereses que moveron á sociedade Sogama a despedir a esta persoa, porque eran intereses de transparencia, de eficacia na xestión e de interese público”, dixo Gallego, quen se preguntou “como imos fiarnos de Hernández e Feijoo con este comezo na súa andaina?”.

A deputada esixiu a Feijoo “que poña orde, comece a gobernar e retire das decisións políticas medio ambientais aos que tentan defender aos amigos e familias, porque esta decisión obedece a que traballaron xuntos hai moitos anos na construción de obras no concello de Dumbría, non é unha decisión casual, trátase de que se readmita a Pérez Mariño en Sogama, algo que aos socialistas nos parece moi grave”.

Salvamento Marítimo

Por outra parte, Carmen Gallego denunciou a paralización do concurso público para a adquisición do novo helicóptero de salvamento marítimo, que estaría ubicado no concello de Cee, na Costa da Morte, orzamentado en mais de 13 millóns de euros e que completaría os medios de salvamento no mar.

A Secretaria de Medio Ambiente e Medio Mariño recordou que Galicia conta con dous helicóperos titularidade da Xunta, con base en Vigo e en Celeiro, e outro titularidade do Ministerio de Fomento, o Helimer, con base na Coruña.

“O de Cee sería o cuarto helicóptero de salvamento marítimo nuha das zonas de maior sinistralidade laboral no mar”, dixo Gallego, polo que preguntou “onde van parar eses 13 millóns de euros que xa estaban orzamentados, cal vai ser o detino deses millóns”.

Gallego avisou de que non valen escusas nin de buratos ni de que os helicópteros actuais van traballar as 24 horas do día, porque xa o facían; todos os helicópteros de salvamento marítimo traballan as 24 horas e ademais o anterior goberno puxera en marcha para o helicópero que está en Vigo, o Pesca I, o tempo o de resposta en 10 minutos, igual que o do Ministerio de Fomento, o Helimer Galicia.

Ademais lembrou que existe o compromiso político do anterior goberno de aumentar a seguridade no mar, “que foi moi alabado polo sector pesqueiro”, e lembrou a elaboración por parte do goberno socialista do primeiro Plan de Riscos Laborais do Sector Pesqueiro.

Por último Gallego insistiu en que “xa estaba todo o traballo feito para mercar ese cuarto helicóptero, xa que o concello de Cee cedera os terreos para a construción do heliporto, polo que a Xunta debe explicar por que deicide eliminar un elemento para a seguridade no mar”.

No hay comentarios: