lunes, 1 de junio de 2009

José Antonio Gómez, reelixido secretario xeral de UGT-Galicia cun respaldo do 94,96 por cento dos votos

O secretario xeral do Sindicato aposta polo traballo con dereitos como motor de desenvolvemento económico, social e como garantía de cohesión e por incidir en máis diálogo social na actual conxuntura

Santiago, 30 de maio de 2009. O X Congreso de UGT-Galicia, que se ven de pechar hoxe en Santiago despois de tres días de traballo, elixe nova Comisión Executiva do Sindicato en Galicia cun respaldo do 94,96 por cento dos votos.
Ao fronte da Secretaría xeral foi reelixido José Antonio Gómez; e tamén resultaron reelixidos os secretarios de Organización e Comunicación, Delia Irene Martínez; Administración e Finanzas, Rosa Arcos; Acción Sindical, Eladio Romero; Formación e Emprego, José Domingo Barros; Servizos Sociais e Políticas de Igualdade, Carmen Brea; Saúde Laboral e Medio Ambiente, Carlos Bellas; e Atención aos afiliados, Marisa Rodríguez. Entra a formar parte da Executiva José Carlos Rodríguez del Río, ocupando a Secretaría de Innovación, industria e desenvolvemento.
O Congreso tamén elixiu outros órganos do Sindicato, a Comisión de Control Económico, cun respaldo do 96,09 por cento; e a representación de UGT-Galicia ao Comité Confederal, cun apoio do 86,83 por cento.
UN SINDICATO MÁIS FORTE E COHESIONADO
No seu discurso de clausura José Antonio Gómez salientou que os resultados deste Congreso evidencian que “saimos máis unidos e cohesionados, máis fortes e fixemos un bó traballo que agora hai que por en marcha”. Porque ao longo destes tres días traballouse ao redor de catro documentos, Programa fundamental, Programa de Acción, Normativa interna e Estatutos que marcarán a folla de ruta do Sindicato de cara aos vindeiros catro anos tanto no eido interno como no externo.
Neste senso, lembrou a aprobación da Carta sindical pola igualdade, que tivo lugar onte e que lle servirá ao Sindicato como base en materia de igualdade en todos os foros e mesas de negociación, tanto institucionais como a nivel laboral, que afronte. Porque agora, na acual situación de crise “non nos podemos permitir o luxo de que a igualdade quede postergada, ten que ser unha das señas de identidade do noso traballo diario”.
No seu discurso, o secretario xeral de UGT-Galicia reivindicou o traballo con dereitos como motor de desenvolvemento económico, social e como garantía de cohesión. Considera que a actual situación ten que servir para afrontar unha revisión crítica das ideoloxías que conformaron durante as últimas décadas boa parte dos principios económicos e políticos inperantes.
Engadiu que hoxe faise necesario reconstruír a economía mediante a atribución ó traballo dun protagonismo e centralidade que nunca máis se pode perder.
Criticou a aqueles que piden incentivos e melloras fiscais para animar a creación da ocupación, tirando dos impostos dos contribuíntes e á vez pedir o abaratamento do despido e a desregulación laboral. Isto o único que xera é desconfianza e incertidume, agravando a situación de crise.
Dirixiuse ao presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), presente no acto de clausura do Congreso, e lembroulle que en períodos de bonanza os sindicatos actuaron de xeito responsable porque entendían que era o mellor para os traballadores e hoxe “pedímoslle á representación empresarial que se comporte do mesmo xeito nunha situación de crise económica”. Se non se fai así a recuperación tardará máis en chegar e dañarase aínda máis o tecido produtivo.
CONTINUAR NA SENDA DO DIÁLOGO SOCIAL
Tamén se dirixiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, pedíndolle continuar na senda do diálogo social. Tanto a curto prazo, mellorando a protección dos que carecen de prestación por desemprego, indo a máis Salario de Inserción Laboral e poñendo en marcha a complementación salarial para os traballadores afectados por ERE`s de suspensión temporal.
Reforzar os dereitos laborais e sociais, avanzando no emprego de calidade e acabar coa desigualdade será a ruta do Sindicato neste anos.
A medio prazo, hai que seguir avanzando na senda do cambio de modelo produtivo, que en Galicia xa se avanzou co Pacto pola Competitividade. Hai que competir con traballadores ben formados, danto protagonismo á educación e cualificación profesional, á innovación e tecnoloxía. Ademais, engadiu José Antonio Gómez, urxe un reforzamento da política industrial, apoiando os sectores punteiros e reorientándoa cara actividades de alto valor tecnolóxico.
Tamén cre necesario acelerar as infraestruturas públicas e impulsar o compromiso do desenvolvemento rural.
Neste senso, apuntou ao sector agraio galego, que si fixo os deberes en materia de competitividade e que agora os traballadores co campo o que están a pagar é a falta de competitividade da propia industria. En crises anteriores Galicia optou por vender industiras como Leyma, Ram, Lagasa ou Larsa. Outras comunidades, co soporte dos gobernos autonómicos e das Caixas, fixeron o contrario, crear industria, é o caso de Asturias (Clas), País Vasco, (Ipalart) ou Andalucía (Puleva). E, apuntou, “aquí xa vai sendo hora”.
Na actual conxuntura tamén se fai moi necesario reforzar os servizos públicos, non permitir dar pasos cara atrás nin no modelo sanitario nin no educativo. Hai que mirar cara o público.
José Antonio Gómez enfatizou que na actual situación é o momento de arrimar e empuxar. Goberno e comunidades autónomas deben ter altura de miras e traballar codo con codo para enfrontar a crise. Neste senso, apelou ao presidente da Xunta e pediulle que se deslinde a oposición política das institucións.
Sobre a polémica da lingua tamén fixo un apunte e pediu que non se utilice ao galego como instrumento de confrontación ou fractura social e que este non sexa un elemento de discriminación. Así, pediu consenso ao redor do Decreto do uso do galego no ensino.
A José Antonio precedeuno na palabra o secretario xeral de UGT Confederal, Cándido Méndez, quen coincidiu co secretario xeral de UGT-Galicia na necesidade de recuperar a centralidade do traballo e rexeitou calquera intento de desregular o mercado laboral ou debilitar os dereitos dos traballadores.
UN PROBLEMA DE ESTRUTURA PRODUTIVA
Considera que en España o problema de base non está no mercado de traballo, senón na estrutura produtiva e isto é o que hai que resolver. Adiantou que as organizacións sindicais veñen de presentar un documento de referencia para o diálogo social para combatir a crise e gañar o futuro, precisamente, pola vía do diálogo social. A aposta pasa por protexera aos traballadores e parados; acometer un cambio de modelo produtivo e incidir nas políticas públicas.
Finalmente, concluíu a súa intervención pedindo un reforzamento da dimensión europea porque en Europa é a solución, reforzando a súa dimensión social.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, felicitou á nova Executiva e indicoulles que teñen por diante unha tarefa valenta nun momento excepcional de compromiso para todos. Tamén coincidiu no valor do traballo porque “o emprego é o que garante a realización das persoas”.
Tamén amosou unha clara aposta polo diálogo e concertación porque “o que teñamos que facer o queremos facer cos sindicatos e empresarios, nun marco de lealdade mutua”.
O CONGRESO APROBA CINCO RESOLUCIÓNS DE URXENCIA
O X Congreso de UGT-Galicia tamén aprobou cinco resolucións de urxencia que xiran ao redor do mantemento dos postos de traballo, a negociación cos representantes dos traballadores e unha maior implicación da Administración galega na situación de Pascual e Ingemarga.
Outra resolución demandou axudas para o sector lácteo, axudas económicas directas, un refinanciamento da débeda e unha maior vixiancia ás prácticas de dumping. Tamén no eido agrario o X Congreso de UGT-Galicia demangou a intervención das administracións para instaurar mecanismos que compensen rendas e perdas económicas.
Finalmente, o X Congreso amosou a súa solidariedade cos traballadores do metal de Pontevedra que están a vivir un longo conflito polo seu convenio colectivo. Tamén se denunciou a insuficiente mediación de Traballo.

No hay comentarios: