lunes, 1 de junio de 2009

ACTO DE CAMPAÑA DAS ELECCIÓNS EUROPEAS NO BARRIO DO VENTORRILLO, NA CORUÑA

A candidata ao Parlamento europeo, Rosa Miguelez, chamou á participación masiva “para frear á dereita e para consolidar un proxecto de progreso e liberdade en España e en Europa”.

A portavoz da Executiva do PSdeG-PSOE e deputada autonómica, Mar Barcón, asegurou que “o dia 7 de xuño só hai una cousa que decidir: si queremos una Europa aberta, libre, progresista... ou un proxecto retrógrado e caduco como o que defenden Aznar e Mayor Oreja”.

A Coruña, 30 de maio de 2009.- A europarlamentaria e candidata Rosa Miguelez e a portavoz da Executiva galega do PSdeG e deputada autonómica, Mar Barcón, chamaron hoxe á participación masiva nas vindeiras eleccións durante un acto no barrio de Ventorrilo na cidade da Coruña.

As parlamentarias socialistas pediron aos cidadáns o seu voto o día 7 de xuño “para que Europa progrese e polos dereitos dos traballadores, nun momento de crise económica e crucial para a defensa das políticas sociais”.

Rosa Miguelez enunciou no seu discurso as políticas que se deciden en Europa e que son fundamentais para Galicia, como as dirixidas ós sectores primarios, agricultura, gandería e pesca, as Directivas de servicios ou a seguridade marítima, recordando os debates posteriores ó desastre do Prestige, as demandas do Grupo socialista e ”o boicoteo reiterado do Grupo Popular español, especialmente dun tal Galeote, que no seu dia foi moi belixerante coas demandas galegas e hoxe está imputado no caso Gürtel”.

Asemade, a europarlamentaria insistiu na necesidade de mobilizar o voto progresista cando “se xoga o futuro de Europa nun momento tan importante para a nosa economía, para o noso presente e para o noso futuro”. “Europa só terá unha oportunidade si o Parlamento acada una maioría de progreso, que insista na protección social, nos investimentos en políticas medioambientais, no impulso da educación pública e no avance en dereitos e liberdades, lonxe de actitudes casposas e ridículas como as que representa Berlusconi”.

Pola súa banda, Mar Barcón recordou a figura de Salvador de Madariaga e lembrou os sinais de tolerancia e liberdade, que sempre formaron parte da identidade da cidade da Coruña, para reclamar “manter vivo o espírito da Europa que sempre é vangarda, que sempre asina os mellores e maiores logros para os cidadáns, a da igualdade, da xusticia social, da fraternidade”.

Barcón sinalou que o mesmo que no século XVIII, América seguira o camiño de liberdade e dereitos que en Europa estaba fermentando, tamén agora, este diálogo entre un lado e outro do Atlántico, debe facerse en clave progresista, “en EE.UU. elixiron o camiño do cambio, do avance social, do diálogo internacional, da concordia... fronte aos que durante anos fomentaron a división, o enfrontamento, a prepotencia e a merma nos dereitos das persoas. Europa debe seguir esa mesma ruta”.

“Debemos percorrer un tempo novo de consolidación de dereitos para os traballadores, non esquecer que o conseguido pode retroceder e volver a colocar a protección social, o benestar e as políticas de igualdade no cerne do Parlamento europeo”, dixo. E engadiu que “Debemos compartir o espírito dos que pensan que esta crise é una boa oportunidade para investir desenvolvemento, en cooperación internacional, en enerxía sustentable, en formación para as persoas... debemos liderar Europa dende o convencemento de que hai una oportunidade para os cidadáns, unha oportunidade para saír reforzados das dificultades; a oportunidade chámase socialdemocracia”.

Na presentación do acto Lucía Domenech fixo un chamamento ó entusiasmo e á participación dos mozos e mozas neste proceso, á súa responsabilidade e ó exercicio do voto como compromiso de presente e futuro. E recalcou “a importancia que ten que os máis novos defendan as conquistas sociais, a educación, o emprego, a vivenda.. e se mobilicen para parar á dereita”.

As socialistas estiveron arroupadas por militantes e simpatizantes e cargos públicos do PSdeG coma o Deputado autonómico Tuco Cerviño, a Secretaria Xeral das XSG, Maria Torres, a concelleira de Urbanismo da Coruña Obdulia Taboadela, o Secretario de Organización da agrupación coruñesa, Jacinto Parga, a vogal da Executiva galega do PSdeG, María Rivas e o Coordinador do Grupo sectorial de gays e lesbianas, Fito Ferreiro.

Ao remate do acto as participantes, acompañadas de militantes e simpatizantes percorreron a rúa Barcelona repartindo información electoral.

O acto central da campaña do PSdeG-PSOE na Coruña terá lugar o vindeiro luns, nun Mitin no Pazo da Ópera no que intervirán o alcalde da cidade, Javier Losada, o candidato ao Parlamento europeo, Antolín Sánchez Presedo, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Manuel Vázquez e o Ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba.

No hay comentarios: