lunes, 1 de junio de 2009

O PSOE iniciará contactos coa oposición para liderar unha nova etapa en Pontedeume

A agrupación socialista eumesa considera que o escrito de renuncia da Concelleira do PP Ruth García confirma o que o PSOE ven denunciando dende hai tempo, a nula capacidade do Alcalde e do Partido Popular para gobernar esta vila.

As decisións que se adopten contan co apoio da agrupación comarcal e da Executiva Nacional, tal e como manifestaron Iván Puentes e Mar Barcón.

Logo de que se dera a coñecer a dimisión dunha das Concelleiras do grupo municipal do Partido Popular de Pontedeume, os socialistas eumeses quixeron facer pública non só a preoupación pola situación de desgoberno na que se atopa inmerso o Concello, senón tamén as futuras decisións que dende a agrupación socialista se esperan levar a cabo para poder seguir defendendo os intereses dos veciños e veciñas.

Neste senso, o voceiro do gupo municipal, Agustín Vilariño, recordaba “a responsabilidade coa que o noso grupo asumiu o seu papel como oposición, apoiando as xestións que consideramos positivas para a nosa vila; os populares, sen embargo, non foron quen, nestes dous anos de lexislatura, de gobernar para o seu pobo.”

“Así queda de manifesto, recordaba Vilariño, coa marcha dunha concelleira, causada por uns motivos que non veñen máis que a abalar o que levamos dous anos manifestando dende o grupo socialista: o desgoberno, a deixadez do Alcalde, as irregularidades na súa xestión e, en definitiva, unhas actitudes que levaron ao Concello de Pontedeume á deriva.”

“Será esa mesma responsabilidade que nos caracterizou ata agora a que nos guiará tamén nesta nova etapa, na que iniciaremos conversas co resto dos grupos municipais para impedir que Pontedeume siga perdendo calidade de vida e para liderar, como primeira forza da oposición, unha alternativa plural que aporte estabilidade, gobernabilidade e futuro aos veciños e veciñas deste pobo.”

As declaracións de Vilariño estiveron apoiadas polo Secretario Comarcal do PsdeG-PSOE de Ferrolterra, Iván Puentes (Alcalde de Fene) quen mostrou o respaldo absoluto á labor e ás decisións dos socialistas de Pontedeume.

“O caso de Pontedeume, aseguraba Puentes, é outro claro exemplo da situación que o Partido Popular está a vivir nestes últimos tempos. Así se viu, por exemplo, na pérdida da Alcaldía de Ferrol nas Locais, e nos resultados negativos acadados na comarca nas pasadas autonómicas. O Partido Popular non sabe asumir as súas responsabilidades e non sabe gobernar pensando nos veciños e veciñas, só pensando nos seus intereses.”

“A actitude responsable dos socialistas co pobo eumés terá, polo tanto, o apoio incondicional da agrupación comarcal do PSOE, para que dean un paso máis, inicien conversas cos demáis grupos, e lideren unha alternativa que lle permita ter a Pontedeume o goberno que merece.”

Apoio da Executiva Nacional.

A Voceira da Executiva Nacional e Secretaria de Política Municipal declaraba á súa vez a preocupación pola situación que se está a vivir en Pontedeume, que “non é máis que outro exemplo da actitude errática que o Partido Popular está levando a cabo na política municipal. Xa se demostrou que a súa única interese e a de estar no poder, por enriba de todo e sen escrúpulos, apoiándose na ingobernabilidade ás veces e nos tránsfugas noutros casos”.

Barcón recordou que “o punto final desta etapa en Pontedeume o puxeron eles mesmos, os populares, cunha situación de desgoberno que levou a unha das súas concelleiras a apoiar as críticas que o grupo municipal socialista viña realizando nos últimos dous anos”.

“Pola contra, os socialistas seguen demostrando coa súa actitude que é o partido que defende os intereses dos veciños/as; dende a Executiva Nacional non permitiremos que nin en Pontedeume nin no resto dos Concellos se dea un paso atrás na capacidade dos municipios, nin coa súa actitude nin coas decisións tomadas dende a Xunta.“

No hay comentarios: