lunes, 1 de junio de 2009

CAMPAÑA DAS ELECCIÓNS EUROPEAS DO PSdeG-PSOE

Francisco Caamaño, Ministro de Xustiza:

“A intención dos populares é sempre a de recortar dereitos e medidas, non porque non haxa cartos, senón porque estes foron aprobados por un goberno progresista”

“Ao PP non lle gusta Europa, gustáballe o rancho de Bush e agora non saben moi ben a onde ir”

Manuel Vázquez, secretario xeral do PSdeG-PSOE:

“A conselleira de Sanidade anunciou unha medida que é un envoltorio da privatización da sanidade: a quen non se poida operar en 60 días, mándano ao privado”

“Vese un importante frenazo do PP nas enquisas, algo que temos que agradecer a Mayor Oreja, pola súa actuación con temas como o ensalzamento da pedofilia”

Rosa Miguélez, candidata ao Parlamento europeo

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2009.- O ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, participou esta mañá nun mitin do PSdeG-PSOE en Santiago. No acto, Caamaño explicou que o vindeiro domingo “temos moitísimo que decidir” e apuntou que o primeiro mandamento para un político é coidar da xente. A isto contrapuxo a actitude de Núñez Feijóo e criticou a súa política en relación co galego. “A Feijóo o que lle amola é falar como a xente; pero non hai que gobernar para os señoritos, senón para a todos”, dixo.

Comentou que a intención dos populares é sempre a “de recortar dereitos e medidas, non porque non haxa cartos, senón porque estes foron aprobados por un goberno progresista”.

Denominou ao partido popular “a dereita más dereita de tódalas dereitas” e dixo que o PP de Rajoy “non pensa no pluralismo, na tolerancia, nin nas persoas que menos teñen”.

Contrastou a proposta de José Luis Rodríguez Zapatero, no Debate do Estado da Nación, de crear un novo patrón de crecemento económico “máis baseado nas políticas medioambientais e na formación ca no ladrillo”, con medidas como a creación de novas vivendas residenciais cada vez máis cerca da costa “que é a gran aposta da dereita”.

Por último, indicou que o vindeiro 7 de xuño xogámonos “saír desta crise cun novo modelo de crecemento” e afirmou que “ao PP non lle gusta Europa, gustáballe o rancho de Bush e agora non saben moi ben a onde ir”.

Francisco Caamaño compartiu tribuna co secretario xeral do PSdeG-PSOE, Manuel Vázquez, quen sentenciou que “o 7 de xuño as eleccións europeas as vai gañar o PSOE neste país”. Referiuse as enquisas electorais, onde dixo que “se ve un importante frenazo do PP e un ascenso do PSOE”, algo que “temos que agradecer ao candidato popular Mayor Oreja, pola súa actuación con temas como o ensalzamento da pedofilia”.

Para Vázquez, “o PP non quere falar de Europa, ao igual que nas eleccións autonómicas nas que non quería falar de política, só de coches e sillas”. Teñen un programa para Europa, dixo, “pero non queren falar del”. Asegurou que os populares practican sempre unha teoría que lles da resultado “usan a crise para chegar ao poder sen dicir nunca o que van facer para arranxala”.

E comentou que iso se está a ver en Galicia “tiñan fórmulas para arranxar a crise que, por certo, nunca dixeron, e agora vemos as súas receitas: paralizar a construción de hospitais, conxelar os salarios dos traballadores públicos, facilitar EREs ás empresas e pechar explotacións agrarias”. Porque as súas propostas nas eleccións galegas, de España e de Europa son, relatou, “recortar dereitos dos traballadores e política sociais”.

Vázquez repasou algunha das medidas tomadas polo goberno popular nos seus primeiros días e fixo fincapé nunha: “a conselleira de Sanidade anunciou unha medida que é un envoltorio da privatización da sanidade: a quen non se poida operar en 60 días, mándano ao privado”.

Concluíu dicindo que “temos moito traballo por diante” e pediu aos presentes que o 8 de xuño “nos levantemos moi cedo e sigamos traballando pola política socialista en Galicia”.

No mitin participou ademais a candidata socialista ao parlamento Europeo, Rosa Miguélez, quen aseverou que “os socialistas en Galicia formamos unha gran familia”. E continuou que isto permitiu “opoñernos con éxito, por exemplo, a directiva das 65 horas.

Considerou que “o leite en Galicia é europeo e é un problema que o PP non vai arranxar”. E explicou que a comisaria europea para o tema do leite pertence ao partido popular europeo e aposta, “ao igual que Mayor Oreja e Rajoy, pola liberalización económica”. Nós, seguiu, pola contra, “cremos que cando os sectores produtivos non poden saír adiante sós hai que axudalos”.

O acto, que foi presentado polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, celebrouse no hotel Araganey de Compostela.

1 comentario:

Costadamorte dijo...

Outra reflexión arredor destas Eleccións Europeas. A esquizofrenia dos votantes socialistas
¡Manda carallo!... Ultimamente estou alucinando con esta campaña.
Correxídeme se me equivoco...
Resulta que o domingo vótase na Hespaña para elixir a 50 deputados dun Parlamento Europeo...
Resulta que sobre o 80% dos votos vanllos a repartir na Hespaña dous partidos, mais ou menos ao 50%...Resulta que eses deputados teñen que elixir ao presidente dun executivo, (si, é certo, un pouco sui-generis)...
E... ¡¡¡tachiiín!!!..., resulta que xa sabemos que todos os deputados elixidos por eses dous presuntos partidos rivais van votar a...
¡Acertaron!..., ao mesmo candidato para presidente os dous partidos, a Durao Barroso, (o cuarto home da foto das Açores)...
Algún votante do PP imaxina unhas eleccións na Hespaña nas que sexa o que sexa o resultado, PP e PSOE xa estivesen previamente de acordo en que ían votar para presidente a Zapatero?...
¡De tolos!...
Pois os votantes do PSOE, que pensen que iso é o que van facer, votar para presidente ao candidato do...
¡¡¡Partido Popular!!!