lunes, 1 de junio de 2009

MANIFESTO DE GALIZA NON SE VENDE LIDO NA MANIFESTACIÓN DE VIGO

Compañeiras e compañeiros: hoxe manifestámonos para denunciar os continuos ataques e agresións que soporta o noso litoral. Ataques e agresións máis continuadas e voluminosas canto máis salvaxe é a especulación, froito dun modelo económico baseado na depredación.

Para desgraza nosa e da nosa terra, todos os gobernos que pasan pola Xunta seguen unha política “desarrollista” de explotación dos nosos recursos naturais para reducilos á mera condición mercantil, sen atreverse a contemplar sen medo a hipótese do decrecemento, ante esta crise económica e sistémica que arrincou con toda crueza o anteface da relixión capitalista.

A privatización e venta do que sempre foi noso, a nosa costa, as nosas rías, o noso vento, os nosos montes, os nosos ríos, o Courel ou a Terra Cha, supón depredar o territorio físico común para mercantilizalo en proveito de só uns poucos, privatizando os beneficios e socializando as perdas. Os beneficios son para as grandes empresas, para os grandes capitais, pero os seus custes externalízanse socialmente, e supoñen a destrución dunha natureza privilexiada, do medio ambiente, da paisaxe, e do noso tecido económico e social. Estes custes pagámolos todas e todos nós.

Esa “modernización”, que nos fai ser cada vez máis dependentes dos mercados globais e da agricultura e da pesca industriais, está obrigando a milleiros de labregos e labregas a abandonar as súas terras e está tamén empurrándonos ao desmantelamento da pesca de baixura e do marisqueo, afastándonos cada vez máis da soberanía alimentaria.

Deste modelo xordo e cego, depredador e obsoleto, non se libra o litoral.

Dentro das rías constrúense recheos que estragan a súa grande riqueza; instálanse polígonos industriais sobre o terreo gañado ao mar ou en primeira liña de costa. Empresas e industrias verten os seus refugallos directamente ao mar xunto coas augas residuais urbanas, ás veces pasando por depuradoras deficitarias ou que non funcionan, contaminando as rías e facéndoas incompatíbeis coa pesca e o marisqueo. Instálanse tamén aquí as industrias máis contaminantes e perigosas, como Reganosa ou Ence; promóvense piscifactorías nos lugares mellor conservados da nosa costa, artificializando con formigón o litoral e contaminando o mar con antibióticos para proveito de empresas transnacionais; privatízase o mar e a costa con portos deportivos a esgalla que decote levan aparellados proxectos urbanísticos especulativos. E tamén é aquí, no litoral, onde se produce a máis salvaxe especulación urbanística; onde se pretenden construír milleiros de vivendas e ata rañaceos en terreos gañados ao mar; onde se constrúen a meirande parte das irracionais infraestruturas de transporte; onde se destrúe a identidade das aldeas e vilas mariñeiras erradicando o noso patrimonio marítimo; onde máis se turistifica a nosa cultura e o noso territorio; onde se crean máis campos de golf arrasando grandes superficies de monte e contaminando con herbicidas; onde menos se respectan os espazos protexidos...

Todas e todos xuntos temos que pórlle freo á locomotora desbocada deste falso progreso.

Non é imprescindible nin necesaria a destrución do noso fogar común para acadar medios de vida, porque se así ocorrese, estariamos correndo camiño do suicidio colectivo.

O benestar social non pode basearse na explotación das persoas nin na destrución da terra que habitamos. Este modelo caduco levounos a esta crise que agora padecemos. A saída dela non pode ser unha fuxida cara diante. Este modelo que confunde valor e prezo, tenos levado a esta degradación sen precedentes, a esta crise da civilización da que vemos difícil a saída. A esta cultura moral e material degradada que nos fai ser infelices.

Temos que pórlle freo a esta locomotora que está a avanzar queimando os seus propios vagóns nunha tola carreira cara ningures. Unha correcta valorización do territorio ten que distinguir os bens de uso e os modos de vida do espolio e despoxo da terra. Trátase en suma dunha nova mentalidade que considere o medio non como un negocio do que se pode quitar beneficio, senón como a nosa terra común da que todas e todos formamos parte. Vainos nisto a súa preservación, a do planeta e a dos valores que queremos legar ás xeracións futuras.

Non podemos tolerar máis o intolerábel.

Queremos rematar enviando un saúdo solidario de irmáns, para todas e todos aqueles que neste intre atópanse loitando polos postos de traballo e polas causas xustas: Traballadores do metal e gandeiros entre outros moitos.

DEFENDAMOS O LITORAL

ESTE MODELO TEN ALTERNATIVA

GOBERNE QUEN GOBERNE

No hay comentarios: