jueves, 21 de febrero de 2008

AS VARIEDADES LOCAIS DE NABICOL DA FINCA DE MOURISCADE ESTUDIADAS POLA MISIÓN BIOLÓXICA PRESENTAN CONTIDOS EN ACEITE SUPERIORES Ó 40%

Os primeiros resultados obtidos polos investigadores da Misión Biolóxica do CSIC na plantación experimental de Mouriscade ó respecto da posible utilización do nabicol como combustible son prometedores xa que as variedades locais desta hortaliza presentaron, en xeral, un bo rendemento e un alto contido en aceite. En particular, unha delas presentou valores superiores ó 40%.

Respecto ó contido en ácido erúcico as variedades locais mostraron valores comprendidos entre o 48-50% dos ácidos graxos totais, o que é interesante xa que as variedades de colza coñecidas como ‘alto erúcico’ e empregadas con fins industriais posúen un contido en ácido erúcico similar, entre o 40 e o 60% dos ácidos graxos totais. Os resultados desta pasada campaña son un paso importante no avance deste cultivo pero aínda non son determinantes á hora dunha recomendación varietal.

En outono do ano pasado se realizou a segunda plantación e a partir deste verán se realizará a recolección da semente e se poderán confirmar os datos de rendemento e das características do aceite obtidos na campaña anterior ademais de coñecer o efecto ambiental das datas de sementeira sobre estes caracteres.

Estas actuacións englóbanse dentro do convenio que a Deputación asinou o ano pasado co Consello Superior de Investigacións Científicas para coñecer o potencial do cultivo de nabicol como biodiésel. No marco deste convenio se realizaron durante o 2007 plantacións en dúas datas de semente de catro variedades autóctonas de nabicol e dúas de colza, empregadas como testemuñas de referencia, na finca experimental de Mouriscade, en Lalín.

O nabicol, cultivo pertencente á mesma especie que o cultivo de colza, goza dunha gran adaptación ás condicións ambientais do noroeste de España. Podería plantexarse como un novo cultivo oleaxinoso destinado á producción de biodiésel. En Galicia, e de modo particular na zona das Rías Baixas, trátase dun cultivo moi apreciado na alimentación, cun uso similar ó repolo ou as nabizas.

Dada a súa boa adaptación, este cultivo pode ofrecer rendementos de semente superiores á colza, polo que se trata dun potencial candidato á produción de biodiésel.

No hay comentarios: