miércoles, 24 de septiembre de 2008

O BNG PIDE AO PP QUE VOLVA AO CONSENSO PARA RECLAMAR UN NOVO ESTUDO SOBRE A VAC TUI-A GUARDA CUN TRAZADO AXEITADO PARA TOMIÑO

A alcaldesa, Sandra González, que asistiu ao debate parlamentar, tamén fixo un chamamento á Consellaría para que inice un proceso de diálogo que permita atopar unha solución beneficiosa para os veciños

Santiago de Compostela, 24 Setembro 08.- O Bloque Nacionalista Galego fixo hoxe un novo chamamento ao PP para que volva ao consenso e ao diálogo á hora de buscar unha solución para o trazado da VAC Tui-A Guarda e se sume ás reivindicacións da alcaldía, que demandará da Consellaría de Política Territorial a redacción dun novo estudo informativo, que se rexeiten as tres alternativas propostas e que se constitúa unha Comisión de Seguimento, con presenza veciñal.

Durante o debate en pleno dunha iniciativa do PP sobre este enlace (treito 2, PO 350 enlace Goián), a deputada Carme da Silva convidou ao Partido Popular a que siga o “exemplo de responsabilidade” do concello e do seu xeito de actuar, moi alonxado da “confrontación” e da “confusión” que busca o PP con iniciativas como a debatida hoxe, “que se vostede tivera dignidade non traería a este Parlamento”, dixo.

Carme da Silva lembrou que en canto entrou no concello o novo estudo informativo redactado polo actual goberno, a alcaldía abriu unha oficina técnica para informar e asesorar aos veciños, dado o grande impacto que teñen as tres alternativas propostas pola Consellaría.

A deputada nacionalista recordou tamén que dende que se coñece ese estudo, o pasado mes de Agosto, se convocaron tres xuntas de portavoces para poder acadar unha postura unánime da corporación municipal e se mantiveron dous encontros coa Conselleira aos que foi convidado o deputado popular Pérez Ares pero que este desestimou.

A parlamentar fixo un percorrido pola historia deste trazado e chamou a atención no feito de que cando se redactou o primeiro estudo, co anterior goberno da Xunta do PP, con cinco alternativas, estas foron rexeitadas unanimente pola corporación municipal, estando a alcaldía tamén en mans dos populares.

Este rexeitamento unánime, continuou a deputada, mantívose cando nos “estertores do goberno de Fraga”, en Xullo de 2005, se aprobou provisionalmente o estudo coa alternativa 2, unha demanda unánime que foi escoitada polo novo Executivo que decidiu paralizar o dito treito.

Para a deputada nacionalista, o PP debería aclarar a súa postura e as súas contradiccións, tanto co primeiro estudo –rexeitado no Concello pero non no Parlamento- como agora que, por unha banda, reclama que se retome a alternativa 2 e ao tempo –hai só un ano- instaba á Consellaría a presentar as súas alternativas. “É un acto de cinismo político que só responde á defensa de intereses partidarios”, non dos cidadáns, asegurou Da Silva

Durante o debate en pleno estivo presente a alcaldesa, a nacionalista Sandra González, que, en declaracións aos medios, fixo tamén un chamamento á Consellaría para que inicie un proceso de diálogo que faga posíbel redactar un novo proxecto axeitado para Tomiño.

No hay comentarios: