miércoles, 1 de julio de 2009

O COMITÉ EXECUTIVO DO PP DE VILAGARCÍA ACORDA CONSOLIDAR O TRABALLO DESENVOLVIDO POLA DIRECCIÓN DO PARTIDO E INICIAR A PREPARACIÓN DAS MUNICIPAIS

Aplaudiu unanimemente a permanencia do seu presidente, Tomás Fole, á fronte do Grupo Municipal, unha vez aceptada a súa decisión de renunciar á Presidencia da Autoridade Portuaria

• A Executiva valorou moi positivamente a evolución do voto acadada polo actual equipo desde 2007, que reflicte unha liña ascendente cun crecemento próximo aos 20 puntos entre as últimas municipais e as recentes europeas, nas que o resultado obtido suporía, a nivel local, a maioría absoluta.

Vilagarcía, 1 de xullo de 2009.- O Comité Executivo do Partido Popular de Vilagarcía acordou, nunha xuntanza celebrada antonte, consolidar o traballo desenvolvido pola dirección do partido e iniciar a preparación das eleccións municipais de 2011, a partir dunha análise do labor realizado para profundizar nos acertos e detectar as carencias que deban ser corrixidas. Rematada unha fase de cambios e pechado o trámite de nomeamento do presidente do Porto, o PP de Vilagarcía afronta o futuro desde unha posición reforzada e desde a unidade precisa para encarar os próximos retos.

Na dita xuntanza, o partido analizou os resultados acadados nas recentes Eleccións Europeas, así como a crecente sensación que se percibe entre os vilagarciáns da necesidade de cambio no Goberno local e de que o actual equipo e proxecto do PP constitúen unha verdadeira alternativa nese sentido. Así mesmo, estudáronse os puntos débiles do labor realizado ao obxecto de introducir correccións naqueles aspectos que o requiran.

O Comité Executivo do partido aplaudiu unanimemente a permanencia do seu presidente, Tomás Fole, á fronte do Grupo Municipal, unha vez aceptada a súa decisión de renunciar á Presidencia da Autoridade Portuaria. Así mesmo, acolleu con satisfacción o nomeamento do novo presidente do Porto.

A Executiva valorou moi positivamente a evolución do voto acadada

polo actual equipo desde 2007, ano no que o PP igualou en número de concelleiros ao PSOE, evolución que reflicte unha liña ascendente cun crecemento próximo aos 20 puntos entre as últimas municipais e as recentes europeas, nas que o resultado obtido suporía, a nivel local, a maioría absoluta.

CANDIDATURA E PROGRAMA ELECTORAL

A partir das liñas xerais seguidas ata agora e da seguridade que, no que atinxe á proxección do partido, ofrece a consolidación do actual equipo, na xuntanza acordouse iniciar unha distribución do traballo preparatorio do reto electoral de 2011 coa creación de equipos para as diferentes funcións.

Nese sentido, e en aras de reforzar a información e a transparencia, cada vez máis demandadas pola cidadanía, decidiuse crear xa un equipo para a preparación da candidatura, na que se pretende incorporar a persoas que representen na mellor medida posible os diferentes sectores e sensibilidades de Vilagarcía, aunando a preparación e a capacidade de xestión necesarias para eliminar as carencias do municipio.

Igualmente, acordouse a constitución doutro equipo para a elaboración do programa electoral, de xeito que conte co tempo suficiente para facer un documento que sexa froito da escoita das inquedanzas dos cidadáns e da observación minuciosa das necesidades de Vilagarcía.

O PP de Vilagarcía atribúe os éxitos logrados á liña de traballo seguida, coa que se está a conseguir unha crecente identificación dos vilagarciáns co labor de defensa dos seus intereses deste partido, polo que os esforzos futuros centraranse moi especialmente en manter e consolidar o permanente contacto directo cos veciños e a realidade do municipio.

No hay comentarios: